Que é Un museo por facer?
En 2027, o Museo do Pobo Galego celebra 50 anos de traxectoria. Ao longo deste tempo, distintas xeracións contribuíron a construír as súas coleccións, investigalas, conservalas e compartilas coa sociedade.
Con motivo deste aniversario, propoñemos ao alumnado dos centros escolares galegos unha experiencia para descubrir que hai detrás das pezas que vemos nun museo e, sobre todo, para reflexionar sobre como se decide que merece ser conservado e contado.
A proposta parte da seguinte pregunta: que gardaríamos hoxe para que dentro de 50 anos saiban como somos?
A partir deste interrogante, cada grupo terá que escoller colectivamente unha peza actual (obxecto ou elemento) que considere importante conservar para que as xeracións futuras poidan coñecernos e comprender esta sociedade.
Como participar
Contacta co Departamento de Educación e Acción Cultural para organizar a actividade Un museo por facer co voso grupo de alumnado. A actividade ten tres momentos clave:
- Antes da visita, a escolla da peza por parte do alumnado
- No museo, un obradoiro arredor da peza escollida
- Despois da visita, a peza formará parte deste Museo virtual
Para máis información, preme no botón de abaixo e descarga a guía docente da actividade.
Contacta
Para dúbidas e consultas, podedes escribir a servizosdeac@museodopobo.gal ou chamar ao 881976923.